jueves, 5 de diciembre de 2019

A REITORAL DE SAN XOAN DE PIÑEIRA DE ARCOS

A casa reitoral e unha das tipoloxías da casa-vivenda rural tradicional. E unha das casas reitorais máis senlleiras da Limia.  É coetánea das casas-grandes e dos pazos. Foi a vivenda unifamiliar onde viviu o crego que atendía a Parroquia de San Xoán de Piñeira de Arcos.


Reitoral de San Xoán de Piñeira de Arcos

A data fundacional da reitoral tense producido en torno o século XVII e XVIII. É posible ver no caleado dalgunhas paredes repetida en varias ocasións a data de 1790.
Sin ter a grandilocuencia das casas-grandes, a súa estructura arquitectónica aseméllase moito pois tamén dispoñía de dependencias básicas para o desenvolvemento de tarefas relacionadas co agro e coas función que levaban a cabo os seus moradores, tanto o crego como os familiares ou persoal de servizo.
O conxunto da reitoral emprázase ao carón da Igrexa parroquial e do cemiterio e conta cun edificio voluminoso onde predominan os materiais pétreos no exterior e a madeira no interior. Co material granítico construíase os muros externos feitos de boa fábrica e de gran austeridade os que daban os lugares públicos. Nos muros da fachada que está ao carón do cemeterio e a Igrexa, aprécianse diversos momentos constructivos xa que se mestura o perpiaño coa cachotería. Nas fachadas que dan o patio distribuidor central, aparecen elementos de construcción singulares como un balcón e escaleiras exteriores que conducen ao primeiro andar.
O edificio da reitoral consta de baixo de planta terrea e primeiro andar. No baixo están al dependencias que teñen que ver co almacenaxe e no primeiro andar, ao que se accede por escaleiras exteriores, están os recintos domésticos como a cociña, salón, cuartos de durmir, despacho parroquial e zona de archivo.


Panorámica da planta conformada en forma de "U"


Arredor do patio central, hai construcción adxectivas como un alpendre, palleira, varias cortes, pozo,  poleiro, etc. Descoñécese si en algún momento tivo canastro e pombal.Todas para atender as necesidades da economía agraria.
A cuberta dispón de tella curva do país a dúas augas coa excepción de dúas torres de planta cadrada  de tella curva, perpiaños de boa labra e a catro augas con seteiras de carácter defensivo ou protector e que da a entender a súa procedencia de tempos remotos. Rematan os seus muros en cornixas do mesmo material indicado. A estructura do edificio ten unha pranta conformada en forma de “U” desprovista de cheminea e calquera outro elemento ornamental.
A casa reitoral vai emprazada dentro dun amplo espazo de terreo protexido do exterior por un alto muro no que hai un portalón alintelado, no que se emplazaría unha fonte (según indica o inventario do planeamento urbanístico), hoxe invisible pola maleza que ocupa o espazo Nese espazo enxértase as hortas e os  grandes diestros.
Co paso do tempo o edificio primitivo sufriu modificacións. Ademáis da mestura de perpiaño e cachotería e de que o granito en partes preséntase con resto de encintado e noutros tramos sen rastro deste elemento, no pequeño patio traseiro aparece un sartego (monumento funerario). Na fachada principal, recentemente, anexouselle unha especie de pórtico en total disonancia co estilo do edificio.


Un dos Torreóns defensivos

Malia as magnitudes da reitoral, son poucos os vanos que aparecen nas súas paredes (algúns cegados). Pódense ver desde simples bufardas ata fiestras de grandes dimensións con montante.
Cos cambios introducidos na vida moderna e o descenso do número de cregos, perdeu a súa función orixinal e foi abandonada, estando en estado de ruina total. A propiedade da reitoral de San Xoán de Piñeira de Arcos é da Igrexa.
Polos anos noventa, a Consellaría de Cultura, xunto coa Escola Técnica Superior de Arquitectura de A Coruña, fixo o inventario de todas as casas reitorais das diócesis de Galicia, inventariado que a día de hoxe está sen difundir. No ano 2008 a Consellaría creou un “Plan de Casas Rectorais” co obxectivo de recuperalas pero co cambio de goberno en 2009, dito plan tivo un parón.

Fontes:

Manuel Caamaño Suárez "A Alta Limia. O patrimonio das construccións rurais tradicionais. A vivenda" en ............ páxinas, 249-265.
Catalogo da Alta Limia (http://www.altalimia.org/)
Ficha do catálogo do planeamento urbanístico do Concello de Sandiás. Clave de identificación: AC-18.
Libros Parroquiais de San Xoan de Piñeira de Arcos
f